ESTATUTOS

Photo by rikka ameboshi on Pexels.com

ASOCIACIÓN DE NAIS E PAIS DE ALUMNOS COBAS
C.E.I.P. PLURILINGÜE OS TILOS
TEO (A CORUÑA)

ESTATUTOS DA ASOCIACIÓN DE PAIS DE ALUMNOS COBAS

CAPITULO I

DENOMINACIÓN, FINS, DOMICILIO, AMBITO: 

Artigo 1º. Coa denominación Asociación de pais de alumnos Cobas do C.E.I.P. Os Tilos constitúese esta Asociación, ó amparo da Lei Orgánica do Dereito á Educación 8/1985 e da Lei Orgánica 1/2002 de 22 de marzo, reguladora do Dereito de Asociación e demais leis e disposicións complementarias, con capacidade xurídica e plena capacidade de obrar, carecendo de ánimo de lucro.

Artigo 2º. Esta Asociación constitúese por tempo indefinido.

Artigo 3º. Terá como fins os seguintes:

a) Asistir ós pais, nais e titores/as en todo aquilo que concerne á educación dos seus fillos/as e pupilos/as.

b) Colaborar nas actividades educativas e extraescolares do Centro.

c) Promove-la participación dos pais e nais dos alumnos/as na xestión do Centro.

d) Asistir ós pais e nais dos alumnos/as no exercicio do seu dereito a intervir no control e xestión do Centro.

e) Facilita-la representación dos pais e nais de alumnos/as no Consello Escolar do Centro.

f) Estimula-la participación dos pais e nais de alumnos/as na programación xeral do ensino a través do órgano colexiado correspondente.

g) Fomenta-las relacións de cooperación do Centro con outros establecementos escolares e os sectores sociais e culturais do entorno.

h) Promove-la plena realización do principio de gratuidade no ámbito do Centro, así como a efectiva igualdade de dereitos de tódolos alumnos/as sen discriminación por razóns socioeconómicas, ideolóxicas, confesionais, raza ou sexo.

i) Requirir ós poderes públicos o cumprimento das leis, regulamentos e plans de actuación relativos á educación, recabando a atención e axudas que esta merece.

j) Promover actividades formativas, culturais e de estudio.

k) Promover reunións de colaboración de pais e nais co profesorado e as boas relacións entre ámbolos dous sectores.

l) E todos aqueles outros non recollidos nos estatutos e que sexan conformes á lei.

m) Promove-la integración dos nenos/as con necesidades especiais.

n) Promove-la integración de minorías étnicas e marxinais.

o) Reivindicar e participar nos Consellos Escolares Municipais.

p) Promover federacións municipais e participar na federación provincial.

q) Promover xornadas de traballo e convivencia entre pais e nais, alumnado e profesorado.

Artigo 4. Para o cumprimento destes fins, realizaranse, loxicamente, todas aquelas actividades formativas, culturais e de estudio e reunións con tódolos sectores da comunidade educativa e todas aquelas outras tendentes a cumprir os fins sinalados e que sexan conformes á lei e decididas polos órganos competentes.

Artigo 5. A). Para a realización das actividades que lle son propias, a Asociación utilizará locais do Centro, para o que o Director facilitará a integración de devanditas actividades na vida escolar tendo en conta o normal desenvolvemento da mesma.

B). A efectos da utilización dos locais do Centro a que se refire o apartado anterior, será necesaria a previa comunicación da Xunta Directiva da Asociación á Dirección do Centro.

Artigo 6. Para o mellor cumprimento dos fins, esta Asociación intégrase na Federación Provincial de A.P.A.s de Centros Públicos de A Coruña (FAPA-A Coruña)e conxuntamente con outras A.P.A.s na Confederación Galega de A.P.A.s de Centros Públicos (CONFAPA-GALICIA) e a nivel estatal na Confederación Española de A.P.A.s (CEAPA). Tamén a Asociación podería participar noutras iniciativas de ámbito municipal e/ou comarcal que puidesen xurdir.

Artigo 7. O ámbito da Asociación é local (ou alcanzará a tódolos concellos onde residan os alumnos do Centro Educativo) e o seu domicilio fixase no C.E.I.P. PLURILINGÜE Os Tilos  Rúa Ameneiro nº21 Urbanización Os Tilos 15894 Teo. A Coruña.

CAPÍTULO II

ÓRGANO DE REPRESENTACIÓN

Artigo 8. A Asociación estará representada e administrada por unha Xunta Directiva formada por:

– Presidente/a,

– Vicepresidente/a,

– Secretario/a,

– Administrador/a-Tesoureiro/a,

– Vocais.

Tódolos cargos que compoñen a Xunta Directiva non recibirán ninguna retribución. Estes serán designados e revocados pola Asemblea Xeral Ordinaria ou Extraordinaria e o seu mandato terá unha duración de dous anos, renovándose a partir do segundo ano, cada ano a metade dos membros.

Artigo 9. Os membros da Xunta Directiva que esgotaran o prazo para o que foron elixidos, continuarán ostentando o seus cargos ata o momento no que se produza a aceptación dos que os van sustituir.

Artigo 10. A elección dos membros da Xunta Directiva pola correspondente asemblea, será polo procedemento de listas abertas.

Artigo 11. A Xunta Directiva elixirá de entre os seus membros os cargos correspondentes.

Artigo 12. As vacantes que se puidesen producir por renuncia voluntaria comunicada por escrito á Xunta Directiva, ou por incumprimento das obrigas inherentes ó cargo, poderán cubrirse provisionalmente por membros que designen a Xunta Directiva, ata que se celebre a primeira reunión da Asemblea Xeral.

Artigo 13. A Xunta Directiva reunirase tódolos meses do curso escolar e ademais sempre que sexa convocada polo seu Presidente/a. Tamén deberá reunirse, a petición dun tercio da totalidade dos seus compoñentes.

Quedará validamente constituída cando asista a metade máis un dos seus membros e, para que os seus acordos sexan válidos, deberán ser tomados pola maioría dos votos correspondentes ós presentes. En caso de empate, o voto do presidente será de calidade para deixar sen efecto o empate.

Artigo 14. As facultades da Xunta Directiva estenderanse, con carácter xeral, a tódolos actos propios das finalidades da Asociación, sempre que non requira, segundo estes Estatutos, autorización expresa da Asemblea Xeral.

Son facultades particulares da Xunta Directiva:

a) Dirixi-las actividades da Asociación e leva-la xestión económica e administrativa, acordando realiza-los oportunos actos e contratos.

b) Executa-los acordos da Asemblea Xeral.

c) Formular e someter á aprobación da Asemblea Xeral os balances, contas e programa anual de actividades.

d) Resolver sobre a admisión de socios se fose necesario.

e) Nomear delegados para algunha determinada actividade da Asociación.

f) Calquera outra facultade que non sexa da exclusiva competencia da Asemblea e sexa conforme segundo á lei.

Artigo 15. O Presidente/a terá as seguintes atribucións: Representar legalmente á Asociación ante toda clase de Organismos Públicos ou privados; convocar, presidir e levanta-las sesións que celebre la Asemblea Xeral e a Xunta Directiva, así como dirixi-las deliberacións dunha e doutra; ordenar pagos e asinar xunto co Administrador/a-Tesoureiro/a os libramentos, cheques, etc.; recibir no nome da Asociación calquera cantidade proveniente de subvencións de Entidades Públicas e/ou privadas; autorizar coa súa sinatura os documentos, actos e correspondencia da Asociación; adoptar calquera medida urxente que a boa marcha da Asociación aconselle, ou no desenrolo da súas actividades resulte necesaria ou conveniente, sen prexuízo de dar conta posteriormente á Xunta Directiva; asumirá tamén, en todo caso, tódalas facultades que a Lei establece.

Artigo 16. O Vicepresidente/a será o encargado de substituír ó Presidente en ausencia deste, motivada por enfermidade ou calquera outra causa, e terá as mesmas atribucións que este. O Presidente/a poderá delegar neste as súas competencias para a atención ou xestión de asuntos determinados ou un conxunto dos mesmos, previa conformidade da Xunta Directiva.

Artigo 17. O Secretario/a terá ó seu cargo a Dirección dos traballos meramente administrativos da Asociación, expedirá certificacións, levará os Libros da Asociación legalmente establecidos e o ficheiro de Asociados e custodiará a documentación da Entidade, facendo que se cursen as comunicacións sobre designación de Xuntas Directivas e demais acordos sociais inscritibles nos correspondentes rexistros, así como a presentación das contas anuais e do programa de actividades e o cumprimento das obrigas documentais, nos termos que legalmente correspondan; ademais velará pola conservación do locais sociais e gardará o selo da Asociación.

Artigo 18. O Administrador/a-Tesoureiro/a estará encargado de recadar e conserva-los fondos e bens da Asociación. Levará o Libro de Caixa e asinará os libramentos de fondos xunto co Presidente/a; elaborará o proxecto de presupostos que a Xunta Directiva debe presentar ante a Asemblea Xeral e preparará as contas que deban someterse a dita Asemblea.

Artigo 19. Os Vocais terán as obrigas propias do seu cargo como membro da Xunta Directiva e poderán recibir por acordo desta o encargo de presidir ou coordinar grupos de traballo, así como a execución de encargos, comisións, representacións e outras tarefas que pola Xunta Directiva lle fosen encomendadas.

Artigo 20. As vacantes que se puidesen producir durante o mandato de calquera dos membros da Xunta Directiva serán cubertas provisionalmente entre os devanditos membros ata a elección definitiva pola Asemblea Xeral.

Artigo 21. A Xunta Directiva poderá valerse, na súa xestión, de asesores que colaboren no cumprimento dos fins da asociación. Poderán asistir ás reunións con voz pero sen voto.

Artigo 22. Tamén poderán incluir nas súas reunións, con voz e sen voto, ós representantes dos pais e as nais no Consello Escolar

CAPÍTULO III

ASEMBLEA XERAL

Artigo 23. A Asemblea Xeral é o órgano supremo e soberano da Asociación e estará integrada por tódolos socios/as.

Artigo 24. As reunións da Asemblea Xeral serán ordinarias e extraordinarias. Será obrigado celebrar como mínimo unha Asemblea Xeral ordinaria ó ano, dentro dos catro meses seguintes ó peche do exercicio e nela propoñerase a aprobación das contas e presupostos e programa xeral da actuación social. Tamén nela se procederá á elección de membros da Xunta Directiva cando corresponda por imperativo estatutario; as extraordinarias celebraranse cando as circunstancias o aconsellen, a xuízo do Presidente, cando a Xunta Directiva o acorde ou cando o pida ou solicite formalmente por escrito ó menos un tercio dos asociados.

Artigo 25. As convocatorias das Asembleas Xerais realizaranse por escrito expresando o lugar, día e hora da reunión, así como a orde do día con expresión concreta dos asuntos a tratar. Entre a convocatoria e o día sinalado para a celebración da asemblea, en primeira convocatoria, haberán de mediar ó menos 15 días, pudendo do mesmo xeito facerse constar a data e hora na que se reunirá a asemblea en segunda convocatoria, sen que entre unha e outra poida mediar un prazo inferior a media hora.

Artigo 26. As asembleas xerais, tanto ordinarias como extraordinarias, quedarán validamente constituídas en primeira convocatoria cando concorran a ela a maioría dos asociados e en segunda convocatoria, calquera que sexa o número de asociados presentes.

Os acordos tomaranse por maioría simple das persoas presentes ou representadas, cando os votos afirmativos superen os negativos non sendo computables a estes efectos os votos en branco nin as abstencións.

Artigo 27. Será necesario o voto favorable dos dous tercios dos asociados presentes na asemblea para adoptar as seguintes decisións:

a) Nomeamento das Xuntas Directivas.

b) Disposición e alleamento de bens.

c) Solicitude de Declaración de utilidade Pública da Asociación.

d) Integración en Federacións.

e) Modificación Estatutaria.

f) Disolución da Asociación.

CAPÍTULO IV

SOCIOS

Artigo 28. Poderán ser membros da Asociación tódolos pais, nais ou titores/as maiores de idade dos alumnos/as que cursan estudios no C.E.I.P. Os Tilos.

Cada familia aporta unha única cota, coa que pai e nai ou titor/a se integran como membros da Asociación, disfrutando ambos dos dereitos e debers que isto conleva.

Artigo 29. Serán dereitos dos asociados/as:

a) Elixir, ser elixible para tódalas funcións representativas da Asociación.

b) Ter voz e voto nas reunións da Asociación.

c) Tomar parte en tódalas actividades da Asociación e utiliza-los servicios que poidan establecerse en beneficio dos socios.

d) Dirixir peticións e propoñer iniciativas ós Órganos de Goberno da Asociación.

e) Recadar e recibir da Xunta Directiva canta información precisen sobre a xestión asociativa.

f) Asistir a tódalas reunións e actos convocados pola Xunta Directiva.

g) Colaborar activamente no cumprimento dos fins da Asociación e na execución e eficacia dos mesmos.

Artigo 30. Serán deberes dos socios/as:

a) Observar e cumpri-los estatutos da Asociación e os acordos da Asemblea.

b) Contribuír economicamente ó sostemento da asociación na forma e modo que se estableza na Asemblea Xeral.

Artigo 31. Causarase baixa na Asociación:

a) Por petición do interesado/a.

b) Por baixa dos fillos/as ou tutelados/as matriculados no Centro.

c) Por impago das cotas por un período superior a tres meses e mediando un apercibimento previo da Xunta Directiva.

d) Por incumprimento dos Estatutos.

e) Por utilización da Asociación con fins alleos ós específicos da mesma.

Para excluír a calquera socio/a polas causas do apartado d) e mais e) do anterior artigo, deberá abrirse un expediente pola Xunta Directiva no que se sinalarán detalladamente os feitos que orixinan a expulsión. Do mesmo xeito, deberase oír ó propio expedientado que poderá presentar un prego de descargo alegando o que considere conveniente na súa defensa e que se unirá o expediente que estudiará a Xunta Directiva e propoñerá a decisión que considere oportuna. Se optase pola expulsión, presentaraa na próxima Asemblea Xeral que despois de oír á Xunta Directiva e ó Socio/a, se o solicitase, tomará unha decisión que será inapelable.

CAPÍTULO V

PATRIMONIO

Artigo 32. Os recursos económicos para o desenvolvemento dos fins e actividades da Asociación serán os seguintes:

a) As cotas dos socios periódicas ou extraordinarias, que serán determinadas pola Asemblea Xeral a proposta da Xunta Directiva.

b) As subvencións, legados, herdanzas ou doazóns que puidera recibir de forma legal e que sexan aceptados, tanto que proveñan de persoas físicas como xurídicas.

c) Calquera outro recurso de procedencia lícita.

Artigo 33. A Asociación carece de patrimonio fundacional. O patrimonio social que se vaia constituíndo estará composto por tódolos bens que se adquiran para a realización dos fins e actividades sociais e educativos. A súa administración corresponde á Xunta Directiva.

Artigo 34. O exercicio asociativo e económico coincidirá co inicio e finalización do curso escolar que fixe a Administración Educativa para cada ano académico.

CAPÍTULO VI

DISOLUCIÓN

Artigo 35. Esta Asociación disolverase voluntariamente cando así o acorden a Asemblea Xeral convocada ó efecto e por acordo dunha maioría dos dous tercios dos asociados.

Artigo 36. En caso de disolución nomearase unha comisión liquidadora, a cal, unha vez extinguidas as débedas e de existir sobrante líquido destinarase a aquelas entidades sen fin de lucro adicadas á realización de fins educativos cun espírito similar ó que anima a esta asociación e que se sinalará na Asemblea Xeral na que se acorde a liquidación.

DISPOSIÓN ADICIONAL

En todo canto non estea previsto nos presentes estatutos aplicarase a vixente Lei Orgánica 1/2002 de 22 de marzo, reguladora do Dereito de Asociación, así como a Lei Orgánica 8/1985 reguladora do Dereito á Educación do 3 de Xullo de 1985 e demais disposicións específicas de aplicación provenientes da Comunidade Autónoma de Galicia o do Dereito Estatal Supletorio en ausencia do autonómico segundo dispón a Constitución Española.

Design a site like this with WordPress.com
Primeiros pasos